domingo, 24 de abril de 2016

Semana do comic no IES Trasancos



23 de abril, DÍA DO LIBRO

 SEMANA DO CÓMIC,  25 – 29  de  ABRIL  2016.


-       1º ESO:  “Cómic manga”. Realizarase un obradoiro sobre este xénero coa colaboración de Nuria Díaz, alumna de 1º de BAC do noso centro.

-       2º ESO - 1º FPB: “Cada ovella coa súa parella”. Para o seu desenvolvemento teredes o material necesario na mesa da biblioteca.

-       3º-4º ESO: “Linguaxe do cómic” O luns enviaremos mais información sobre a actividade e algún enlace para os que precisedes máis información sobre o tema


venres, 15 de abril de 2016

Campaña de apoio ao Pobo Saharaui. Vacacións en paz.

Vacacións en Paz é un proxecto de acollida temporal de nenos/as saharauís durante os meses de xullo e agosto , que en Galicia desenvolve Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) , á petición expresa do goberno da República Árabe Saharauí Democrática (RASD).

Galicia vén participando nesta iniciativa solidaria desde o ano 1991, ofrecendo ás familias saharauís a posibilidade de que as súas fillas e fillos, gozar dunha estancia agradable, humana e culturalmente rica, baixo a supervisión e os coidados das familias galegas acolledoras.
Este Programa levase  a cabo grazas á colaboración económica de familias e de organismos municipais que se acollen ao Programa e asinan connosco un Convenio de Colaboración, que fai posible que estes nenos e nenas poidan gozar dun verán sen pasar polas altas temperaturas do deserto e recibindo unha boa atención sanitaria, así como a posibilidade de coñecer outra cultura. Tamén contamos coa colaboración de pérsoas solidarias que colaborán connosco, para realizar actividades e para sufragar os gastos das viaxes do Programa.

 A Sociedade Galega co Pobo Saharaui, conta coa nosa solidariedade para podernos traer no verán o maior número de crianzas posible, con este obxectivo deixan uns sobres para repartirlle ao alumnado e recibir aportacións das familias sensibilizadas con esta situación. Aínda que sexa pouco cada aportación é importante.

Colabora, dona e lembra que  o vindeiro luns 18 acaba a campaña e entregamos os donativos a SOGAPS.


 Para máis información aqui tedes o enlace a web de SOGAPS

xoves, 14 de abril de 2016

Clube de lectura




Este curso iniciamos no mes de Xaneiro, tras a súa aprobación,por parte da Consellería de Educación, do Club de Lectura do IES Terra de Trasancos. Están implicadas as profesoras Zeltia Rodríguez (Lingua Castelá, 1º ESO), Graciela Galdo (Música, 2º ESO), Teresa Rego (Tecnoloxía, 2º ESO), Carmen Martínez (Galego, 3º ESO), Ana Balado (Francés 3º ESO), Conchi García (Física e Química, 4º ESO), Mercedes Santalla (Latín, 4º ESO e 1º Bach) e Beatriz Fernández (Inglés 4º ESO e 1º Bacharelato). A coordinadora é Beatriz Fernández, que propuxo esta actividade tanto á CCP, como á totalidade do profesorado, a través do Claustro. Son, por tanto, oito os departamentos implicados, abarcando todos os niveis de ESO e 1º de Bacharelato. 
Trátase de lecturas e postas en común en grupo delibros, artigos, historias, poemas e cómics, en galego, castelán, inglés e francés, en grupos de 5 a 28 alumnas e alumnos, dinamizados pola profesora coordinadora de cada grupo. A actividade ten lugar, fundamentalmente, en recreos. Bautizámolo como Club Letras e as persoas socias contan cun carné do club. Hai 128 alumnos e alumnas implicadas xunto as oito profesoras citadas.

Horario do club de lectura abril-maio

martes, 12 de abril de 2016

Obradoiro de robotica

OBRADOIRO DE ROBÓTICA NA SEMANA VERDE

DO IES TERRA DE TRASANCOS



Alumnado de 4º ESO D imparten un obradoiro de robótica a 2ª de ESO




alumnado de 2º ESO A comproban o funcionamento do robot

Durante a Semana Verde, que como todos sabedes, este ano virou contorna aos legumes, o Departamento de Tecnoloxía organizou un Obradoiro de Robótica, destinado ao alumnado de 2º curso da ESO, grupos A e B.
O alumnado de 4º curso de ESO de DIVERSIFICACIÓN foi o encargado de impartir o obradoiro. Ensináronlles como programar o Robot Mindstorm de Lego, para que fose capaz de realizar un percorrido completo sobre un circuíto realizado con legumes polo alumnado de 4º ESO A.
O obradoiro foi todo un éxito e tanto ensinantes como aprendices están a desexar aprender máis sobre Robótica.
Felicidades ao alumnado de 4º ESO  e 2º ESO, polo ben que o fixeron.!!!!!

domingo, 10 de abril de 2016

xoves, 7 de abril de 2016

TRABALLOS EXPOSTOS NO VESTIBULO








O alumnado de 1º ESO traballou sobre contos tradicionais que falaban das propiedades máxicas e salvadora das legumes.

Traballos expostos no vestíbulo do IES


traballamos sobre  o ano internacional das legumes
gráficos resultado das enquisas realizadas a alumnado do Centro polo curso 4ºESO  na asignatura de inglés en colaboración con tecnolOxía



A enquisa da Semana Verde do IES Terra de Trasancos este ano estivo dedicada ao 2016, Ano Internacional dos Legumes (2016, International Year of Pulses).
O cuestionario adxunto foi elaborado polas profesoras Conchi García (D. F. e Q.) e Beatriz Fernández (D. Inglés), recollendo achegas tamén dos Departamentos de Bioloxía e Tecnoloxía.
Unha vez elaborado, Beatriz F. pasouno nas clases de 4º ESO A e B, grupos destinatarios deste proxecto. Con estes alumnos preparou a segunda parte da actividade: realizar un estudo, a partir desta enquisa, entre o alumnado do IES Terra de Trasancos.  En grupos de tres-catro alumnos tiñan que ir a 1-2 clases, presentarse, distribuír o cuestionario, explicalo, todo isto en inglés,asegurándose do seu correcto enchemento por parte do alumnado. Finalmente, unha vez recolleitos, tiñan que volver á aula e realizar o baleirado en fichas específicas elaboradas, para este cuestionario, por Teresa Rego (D. Tecnoloxía).
A continuación, e xa nas clases de Tecnoloxía e Informática, coa súa profesora Juana Polo (D. Tecnoloxía), tiñan que cargar os datos en Excel. As profesoras do Departamento de Tecnoloxía, Teresa e Juana, encargáronse de supervisar e realizar os gráficos que logo se expoñerían na Semana Verde. Ao mesmo tempo, realizaban os informes, en inglés, de resultados dos grupos que lles asignaba a súa profesora de Inglés, Beatriz Fernández Mourente.
Por último, as profesoras Teresa Rego e Beatriz Fernández maquetaron e imprimiron os gráficos e informes, así como fichas informativas en inglés, para a exposición. A profesora de Plástica, Beatriz Lamigueiro, encargouse da distribución de todo o material nos paneis situados no vestíbulo do Instituto, xunto aos restantes paneis da Semana Verde.
Esta actividade, xa no seu terceiro ano, foi, como ata agora, unha experiencia interesante e produtiva para traballar o tema ao que se lle dedicou a Semana Verde, os Legumes.
Departamentos implicados: Inglés, Física e Química, Tecnoloxía e Debuxo

mércores, 6 de abril de 2016

XXV ANIVERSARIO

XXV ANIVERSARIO

Xa podedes pedir o día libre para o día 11 de xuño, ás 19,00 agardamos veros no AUDITORIO DE NARÓN, será un acto ameno e emotivo e a continuación poderemos compartir mesa, mantel, risas e diversión con todas as persoas que fuchedes e sodes participes  da labor realizada nestes anos: alumnado, profesorado e persoal non docente, familias... nunha cea que celebraremos no HOTEL RÍO DO POZO.

martes, 5 de abril de 2016

Calendario semana verde

XXII SEMANA VERDE 4-8 ABRIL 20016

Semana verde adicada as legumes
XXII  SEMANA VERDE 4-8 ABRIL 20016

IES Terra de Trasancos. Narón    


Estes días estamos a celebrar a XXII edición da Semana Verde. Farémolo dende o luns día 4 ata o venres día 8 de abril do 2016.

As actividades xirarán arredor dun  tema principal: “OS LEGUMES”.

Teremos como obxectivo aprender a valorar o que a natureza nos ofrece e facer o mellor uso posible dos recursos naturais.

Iniciaremos a semana coa exposición dos “Collage con legumes” feitos polos alumnos de 1ª de ESO, seguiremos co Obradoiro “Experimentos con legumes” que prepararon alumnos de 4º de ESO e que mostrarán a outros compañeiros de 3º e 2º e haberá tamén Obradoiros nos que os rapaces  de 1º de ESO traballarán para acadar a “Xerminación  de Legumes”.

Ao longo da semana encheremos unha árbore de refráns, proxectaremos presentacións PowerPoint do concurso Ignacio López Bueno (atentos, que se fallará o mércores 6), publicaremos os resultados da enquisa “International year of pulses”, coñeceremos o “Estudo comparativo do valor nutricional dos legumes”, descubriremos o “Valor das legumes no ciclo do nitróxeno”, disfrutaremos coas ilustracións de contos onde os protagonistas son legumes, daremos a coñecer a “Guia roja verde dos Transxénicos”. Todo isto, feito por pequenos e grandes, poderemos velo no vestíbulo do noso insti, onde tamén  podemos observar como medran os legumes nun invernadoiro feito polos rapaces de 2º FPB Electrónica e escoitar as súas explicacións. Ata teremos legumes nun obradoiro de robótica!

E para rematar a semana plantaremos unha árbore e coidaremos do noso entorno, complementando esta actividade cun recital de poesía e música que, se o tempo nos acompaña, faremos no noso xardín.

Recordade que o venres 8 as 12,10 horas entregaremos os premios do Concurso de presentacións informáticas “Ignacio López Bueno”. 

O programa máis detallado estará na web www.trasancos.net e nos taboleiros do centro.

Agardamos que todos, alumnos e profesores, participedes e gocedes, destas xornadas que alterarán dalgunha maneira o noso ritmo pero que seguen a ter como finalidade  a nosa continua aprendizaxe.

 Damos as grazas por anticipado a todos.